Friday 17 de May de 2024

Belén de Cumes, Concerto de Nadal e teatro protagonizan a fin de semana en Lousame


Todas as actividsenades son de participación libre e de balde

Fin de semana de variadas actividades en Lousame, coa recuperación do Belén de Cumes, co Concerto de Nadal dos alumnos da escola de música e coa representación de “Celtas sin filtro”, por parte de Teatro Airiños. Tres actividades que teñen en común que son de participación libre e gratuíta.

Belén de Cumes

A primeira das actividades dará comezo ás 10:30 horas do sábado 20 de decembro, momento no que o Concello de Lousame recuperará o tradicional Belén de Cumes, que en 2013 non se puido celebrar por mor dos trebóns. Os participantes reuniranse a esa hora na praza Teodomiro Hidalgo (praza do Concello), dende onde sairán cara Alto da Viña, ata a aldea de Pastoriza, Vilanova e a Igrexa de San Xoán de Lousame.

Na igrexa montarase o Belén, cantaranse panxoliñas e haberá unha degustación gratuíta de chocolate quentiño. En total son uns 6 quilómetros, polo que a actividade estará rematada a iso das 13:00 horas. Os veciños e veciñas que desexen participar nesta iniciativa poden anotarse no mail lousamedeportes@gmail.com, no teléfono 646 069 265 ou dirixíndose á Oficina de Deportes do Concello de Lousame.

Concerto de Nadal

Xa pola tarde, a partir das 19:00 horas, o salón de actos da Casa da Cultura de Lousame acollerá o tradicional Concerto de Nadal a cargo dos alumnos e alumnas da Escola de Música de Lousame. Un concerto organizado polo Concello de Lousame, en colaboración coa Deputación da Coruña, e cuxa entrada é libre e de balde (ata completar aforo).

E o domingo 21 de decembro, tamén a partir das 19:00 horas, a Casa da Cultura de Lousame acollerá a representación teatral “Celtas sen filtro”, unha obra de Méndez Ferrín e Artello Teatro que será representada por Teatro Airiños. A actuación está organizada pola asociación de persoas con discapacidade das comarcas de Noia e Muros (MISELA), está financiada pola Deputación da Coruña e conta coa colaboración do Concello de Lousame. A entrada é libre e de balde.